miércoles, 30 de abril de 2014

Obxectivos e contidos



A seguinte reunión do equipo do día 25 de abril xirou entorno á definición dos obxectivos e dos contidos da unidade didáctica que estamos a deseñar.
 
En canto aos obxectivos, empezamos a traballar cunha lista de obxectivos demasiado ampla e practicamente inabarcable polo que foi preciso reducila a un número que fose máis factible á hora de poñelos en práctica na nosa realidade. Finalmente os elixidos foron:
  • Identificar as partes do corpo humano.
  • Coñecer o esqueleto e os principais ósos.
  • Recoñecer as principais articulacións.   
  • Coñecer os principais músculos e as súas funcións.
  • Discriminar os principais órganos internos.
  • Identificar os sentidos e as súas funcións.
  • Valorar a importancia do coidado da saúde.
  • Observar as diferenzas e igualdades entre as persoas.
Nesta reunión tamén traballamos nos contidos da unidade didáctica. Levounos un tempo definir cales eran os contidos que nos interesaban que os alumnos adquirisen unha vez desenvolvida a unidade didáctica. Consultamos a lexislación vixente e outros materiais didácticos que nos deron algunhas ideas para decidir que era o que nos interesaba traballar. Decidimos que o alumno deberá identificar as distintas partes do corpo humano así como observar as igualdades e diferenzas entre as persoas e valorar os distintos aspectos que inflúen nunha vida saudable.

martes, 29 de abril de 2014

Desenvolvemento da unidade didáctica


Tendo en conta que na última entrada do blog vos deixamos unhas imaxes das actividades LIM, temos que dicirvos que con anterioridade a esta parte do traballo tivemos que centrarnos no desenvolvemento da unidade didáctica do corpo humano, que está dirixida a alumnos de segundo curso de educación primaria, e que foi parte do que traballamos na nosa reunión do día 21 de abril.

Tiñamos as nosas diferenzas e discrepabamos en canto ás competencias que se ían traballar. Finalmente acadamos unha decisión, que foi a de traballar as seguintes:
  • Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.
  • Competencia en comunicación lingüística.
  • Tratamento da información e competencia dixital
  • Competencia para aprender a aprender.
  • Competencia para a autonomía e iniciativa persoal.
  • Competencia social e cidadá. 
Estas competencias aparecen recollidas no Decreto 1513/2006, do 7 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas da Educación primaria.

domingo, 20 de abril de 2014

Unificando criterios e concretando contidos


Continuando coas reunións previas á publicación deste blog, tivemos dúas reunións unha o día 4 e outra o 7 de abril. Na primeira delas recompilamos o material que cada membro do grupo presentou, concretamos as liñas de traballo que iamos desenvolver e distribuímos as partes do traballo que cada un de nós faría. Na segunda reunión empezamos a traballar o desenvolvemento da unidade didáctica e analizamos as actividades que se lle podían asociar e tamén traballamos na idea deste blog que, como podedes ver, xa é unha realidade.
No transcurso destas reunións tamén xurdiron distintos puntos de vista arredor do tipo de actividades e do traballo que se levaría a cabo, do tipo de enfoque que nos interesaba presentar, da variedade de actividades da unidade didáctica e das ferramentas TIC que empregaríamos.

Na seguinte reunión, o día 11 de abril, xa decidimos que desenvolveríamos actividades LIM que farán que a nosa unidade didáctica sexa moito máis atractiva para os pequenos aos que vai destinada e, por outro lado, reforzará o traballo das outras actividades que forman parte desta unidade didáctica. Deixámosvos unha mostra de imaxes das actividades LIM das que vos estamos a falar.






sábado, 19 de abril de 2014

Traballo previo á publicación do blog


Este blog viu a luz o 14 de abril deste ano sendo froito de diversas xuntanzas anteriores que mantivo o grupo de traballo. Na primeira delas, alá pola metade do mes de marzo, decidimos cal sería a alternativa escollida que se corresponde co deseño dun material didáctico para Educación Primaria. Presentamos diferentes temas que cada un de nós propuxo e despois de deliberar se decidiu nesta sesión que o tema a desenvolver sería "o corpo humano".



A nosa segunda xuntanza, na semana do 24 ao 28 de marzo, notificamos ao noso profesor quen forma parte do grupo de traballo, o tema elixido, describimos o material que imos deseñar, a idade dos destinatarios e os obxectivos e contidos que se traballarán co material.